Thursday 25 de April de 2024

Trenor anuncia un investimento de máis de 590.000 euros para a renovación das fiestras e do aislamento no edificio de infantil e na parte nova do principal no CPI Cernadas de Castro de Lousame


― O delegado da Xunta asegurou que todas estas as actuacións teñen como obxectivo adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais facéndoos máis confortables, seguros e sostibles

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitou o CPI Cernadas de Castro para anunciar un investimento de máis de 590.000 euros para levar a cabo a substitución das fiestras e a renovación do SATE (sistema de aislamento térmico exterior) do edificio de infantil e na parte nova do edificio principal.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”. Neste senso, engadiu que, “dende a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Con respecto á obra prevista consistirá na substitución das fiestras exteriores e na colocación de illamento térmico polo exterior tipo SATE sobre parte das fachadas do edificio principal e do edificio de Infantil.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Tal e como sinalou o delegado da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.

Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020